Convocatoria

O ano pasado asumimos con responsabilidade a cancelación da nosa festa, aínda que non nos resistimos a deixala pasar sen máis e vivimos os Maios dun xeito diferente.

Este ano, o actual goberno do concello de Ourense volveu a cancelala, pero desta volta non compartimos en absoluto a súa decisión polos seguintes motivos:


1. O vindeiro 27 de xuño fanse 20 anos desde que o concello de Ourense acordara por unanimidade solicitar a declaración de festa de interese turístico para os Maios, distinción que era outorgada na Resolución do 15 de outubro do 2001 da Consellería de Cultura (DOG 211 do 31-X-2001). Consideramos unha irresponsabilidade para co patrimonio e coa identidade ourensá renunciar -neste 20o aniversario- a facer un pequeno esforzo por manter viva esta tradición que tanto identifica á nosa cidade.

2. Mentres a UNESCO, através do Foro de Ministros de Cultura, manifesta que o “feche dos sitios do patrimonio e a infraestrutura cultural, a cancelación ou o aprazamento de eventos e a interrupción da produción cultural terán importantes repercusións económicas e sociais” animando a procurar alternativas, o concello de Ourense semella ir a contracorrente de todo o planeta, fechando, cancelando e mesmo menosprezando os distintos espazos culturais que conformaron ao longo da historia a cidade de Ourense que somos hoxe.

3. Non entendemos que facer un Maio sexa unha actividade de risco se mantemos as medidas necesarias, e consideramos que hai alternativas á tradicional exposición dos Maios na rúa do Paseo ou na Alameda para evitar a congregación masiva de xente.

Por todo isto:

Cantádeme un Maio volve facer un chamamento a que compoñades os vosos maios e/ou as vosas coplas, enchendo as redes de primavera e cultura e -sempre que a situación o permita- exhibindo as vosas propostas na rúa para compartilas coas veciñas e cos veciños, nalgún momento da xornada do día 2 de maio.

Propoñemos que escollades unha praza aberta ou un espazo amplo que non obstaculice nin o paso de persoas nin o tráfico rodado, por un espazo de tempo limitado e sempre coidando de cumprir estritamente coas normas sanitarias. Ademais, e para evitar riscos innecesarios, velando sempre que non haxa máis dun maio en cada praza.

Por último, e se somos capaces de colocar unha árbore no Nadal, non hai mellor ocasión que unha festa tan nosa e tan arraigada no noso acervo cultural para engalanar as nosas portas, xanelas ou balcóns con Maias ou con elementos que celebren o Maio.

Aí ven o maio!